Thursday 16 de May de 2024

Moeche reivindica a importancia de darlle voz á infancia e a adolescencia para a toma de decisións do Concello


O Concello comparte a súa experiencia sobre participación infantil no marco da 4ª Xornada Formativa de Cidades Amigas da Infancia organizada por UNICEF Galicia

O Concello de Moeche participou esta mañá na xornada de formación sobre estratexias para promover a participación infantil e adolescente no ámbito municipal, promovida por UNICEF en colaboración coa Xunta de Galicia. A cita, que se desenvolveu onte e máis hoxe, dirixiuse a público en xeral e principalmente a representantes de concellos, co obxectivo de que tomen conciencia da importancia de darlle poder de decisión á rapazada e que, ademais, saiban como facelo aprendendo doutros que xa teñen experiencia, como é o caso de Moeche. A alcaldesa, Beatriz Bascoy -xunto coa responsable da área, Cris García e a técnica de Desenvolvemento Local, Raquel Novo- contou por videoconferencia de que maneira se empezou a traballar para formar o Consello Local da Infancia e a Adolescencia, como funciona e cales foron os seus logros nos últimos anos.

Os primeiros pasos para promover a participación infantil na vida municipal déronse en 2016, despois de que o alumnado do CEIP San Ramón se interesase pola iniciativa Cidades Amigas da Infancia de UNICEF, que recoñece e avalía periodicamente a implicación real -e con resultados- da rapazada nos asuntos públicos e na toma de decisións que lles afectan como colectivo.

Un ano despois, en novembro de 2017, aprobouse en pleno a constitución do Consello Local da Infancia e a Adolescencia como órgano máximo de representación, formado por membros da ANPA, do profesorado do centro de ensino, dos grupos políticos, do Goberno municipal e do persoal do Concello, ademais da propia rapazada (un máximo de 20 cativas e cativos menores de 18 anos).

Xunto co CLIA -que se reúne como mínimo tres veces no ano- existe un segundo órgano de carácter máis executivo, o Grupo de Participación da Infancia e a Adolescencia, que é o verdadeiro motor da experiencia. Empezou en 2018 con 9 compoñentes e hoxe son xa 22, divididos á súa vez en dous grupos de traballo, un para a infancia e outro para a adolescencia.

O GPIA xúntase todos últimos sábados de mes -agás no verán- para formular propostas ou desenvolver as que xa teñen en marcha, na súa maioría recollidas entre a xente da súa idade. Medio ambiente, lingua, educación viaria, actividades en tempo de lecer, investimentos que consideran necesarios…, tócano absolutamente todo e despois expóñenllo ao Concello para consensuar aquelas actuacións factibles e asumibles economicamente que o consistorio pode levar a cabo cos seus recursos ou coa colaboración doutras administracións.

Esta relación é posible gracias a unha comunicación permanente e fluída que, ademais, é bidireccional, posto que o Goberno local tamén confía no criterio da xente máis nova para sacar adiante outros proxectos, como por exemplo a decisión sobre que tipo de xogos se debían instalar no parque, a denominación de varias rúas do centro urbano, as programacións de actividades ou mesmo a aparencia que se lle debía dar ao peche perimetral do colexio.

Como mostra dese diálogo e de ata que punto chega o compromiso e a resolución infantil, na sesión formativa desta mañá explicouse como se xestou e puxo en marcha o Circuíto de Educación Viaria “Circuíto Modestino”, proposto, planificado e executado case ao cento por cento pola propia cativería con axuda do Concello e de persoas voluntarias.

A alcaldesa cualificou a experiencia de participación infantil e adolescente en Moeche como “o proxecto máis gratificante” de todos cantos se están desenvolvendo no concello. Segundo expuxo Bascoy na videoconferencia desta mañá, a iniciativa “crea sentido de comunidade e pon en valor o público desde a contribución da rapazada, o que tamén significa que elas e eles adquiran compromisos e responsabilidades”.

Bascoy mostrouse “plenamente convencida” de que seguir fomentando a implicación das nenas e nenos na toma de decisións “é o máis proveitoso para o futuro de Moeche e de calquera outro concello, sobre todo se se se trata de municipios pequenos coma o noso”. “Participar na vida pública, ver que as súas propostas se converten en realidade é algo moi satisfactorio para a cativería e para nós, e ademais é algo que xera apego ao territorio. Cando sexan grandes quererán facer vida aquí e seguir axudando ao desenvolvemento de Moeche”.